O 25 de xuño de 2024 celebrouse no Inbiotec-CESEFOR (León) a reunión de lanzamento do proxecto LIFE GLOBAL. Tamén forman parte deste novo proxecto os beneficiarios IBADER-USC e DXPN, cuxo obxectivo xeral é a posta en marcha dunha estratexia de restauración transnacional en 31 zonas Natura 2000 de alto valor de conservación do norte de España e Portugal, distribuídas entre os 3 escenarios máis vulnerables ao cambio global e de maior valor de conservación da biodiversidade: zona costeira, humidais continentais e áreas de montaña.
Como principal medida de adaptación aos cambios globais actuais, o proxecto pretende mellorar o estado de conservación e a resiliencia ao cambio global de 10 hábitats prioritarios e 3 especies prioritarias.
As actuacións de restauración complementaranse cunha estratexia completa para informar e sensibilizar á cidadanía en xeral, así como para trasladar as medidas desenvolvidas e os resultados obtidos para a súa replicabilidade a nivel comunitario.
O proxecto ten un gran carácter demostrativo e piloto, e presentará unha gran complementariedade cos resultados e metodoloxías empregadas en LIFE INSULAR.